30 abr 2010

DA CAMPAÑA E OUTROS DEMOS

Con esta licenza literaria quixera pór énfase en que o mércores que ven principia a campaña electoral para as eleccións a claustro e á reitoría. Para min e para a miña xente chega o treito final dunha andaina que xa comezamos hai tempo. Hai por diante un calendario esixente, pero que ollamos coa confianza do traballo ben feito e coa semente do cambio chantada nos eidos de Lagoas-Marcosende, de Torrecedeira, das Lagoas e da Xunqueira.

Hoxe chegou o fin de semana e aproveito estes intres de repouso para revisar a axenda da semana que ven, ateigada de compromisos institucionais, de conversas con medios de comunicación, de reunión internas e xa de actos de campaña. E lanzo unha mensaxe ao blog, a xeito de lamento e de desculpa. Ata hoxe quixen respostar a cada entradiña que se me fixo no blog, cando menos as que amosaban unha liña crítica. Coido que, con mellor ou peor resultado, o fixen de boa fe e con espírito construtivo. Porén, chegou o tempo en que xa non podo manter a tensión de resposta e síntoo. Podería encomendarlle a alguén do meu grupo que o fixera por min, pero sería un exercicio irresponsable e mentireiro.

Xa que logo, desde hoxe pido comprensión e certo grao de paciencia. Vou tentar entrar no blog e dar resposta aos comentarios. Pero non vai ser coa mesma regularidade que ate agora. Tentarei redactar unha entrada cada tres ou catro días e dar resposta a comentarios. Xa sei que vou defraudar. Pero non teño enerxías dabondo para render en campaña e adicarlle cada noite un anaco de tempo aos vosos comentarios. Tendes, con todo, a miña promesa de que tentarei facer o que poida.

Con todo, quero que esta entrada sexa un testemuño de recoñecemento e gratitude á vosa participación. Maiormente, ás voces máis críticas, feitas por compañeiros e compañeiras que eu non identifico na meirande parte dos casos, pero que comparten a necesidade dun diálogo crítico e construtivo na Universidade. Máis crítico e construtivo do que ata agora existe, nunha realidade no que a discrepancia moitas veces foi sulagada e esmagada.

Vou estar canda vós, na campaña. No noso proxecto de cambio. Pero quero manter acesa a fogueira do debate no blog. Pídovos, nada máis, un pouco de paciencia e comprensión nestas datas complexas.

benestar, confianza, compromiso, investigación, medio ambiente, persoas e CAMBIO


MENSAXES E COMPROMISOS COS PAS NO DEBATE EN MIRALLES




Entrevista Onda Cero



28 abr 2010

O EXEMPLO DE MARÍA EMILIA CASAS BAAMONDE

No barullo destes días relativo aos recursos de inconstitucionalidade contra o Estatuto de Autonomía de Cataluña e ás posturas amosadas pola clase política, eu únicamente quero expresar a miña solidariedade coa presidenta do Tribunal Constitucional, María Emilia Casas Baamonde. O seu chamado ao respeto institucional que merece dito órgano é a expresión pública de preocupación dalguén que non ten un especial interese por expresar públicamente as súas opinión. Dunha muller que unicamente falou nos anos que leva no cargo a través das súas sentenzas.
A súa actitude pública sempre foi modélica. A vida é inxusta cando provoca, vg., que o presidente anterior deixara o cargo sen maiores críticas cando tivo unha inclinación máis forte a expresar nos tabloides as súas opinión. Por suposto, non quero criticar públicamente a un xurista tan grande como Jiménez de Parga, pero si expresar de xeito aínda máis nidio a discreción e celo polo cargo que sempre guiou as actuacións da actual presidenta.
Hoxe seu labor está escurecido pola liorta pseudo-xurídica do Estatuto catalán. Xurídicamente as cousas están claras: na prórroga dos cargos, os catro afectados polo cumprimento do seu tempo teñen plenas as súas funcións e non lles queda outra que manter as súas deliberacións. Se falleceu Roberto Calvo e non foi substituído, o Tribunal ten que manter en todo caso a súa función. E se foi admitida a recusación de Pérez Tremps, hai que xogar coa baralla incompleta da que se dispón.
Digo que o seu labor está escurecido. Pero cando pasen estes anos e María Emilia Casas seica estea de volta na súa cátedra da Universidade Complutense, lucerá a súa doutrina. Porque dela son moitos dos relatorios que desenvolveron tendenzas especialmente protectoras de dereitos fundamentais como a liberdade de expresión, a non discriminación, a liberdade sindical, a intimidade ou a liberdade ideolóxica, entre outros moitos. Nunha posición ás veces conflitiva co Tribunal Supremo, vai deixar unha xurisprudenza constitucional moito máis protectora dos dereitos fundamentais da que había cando accedeu ao seu cargo. A maxistrada fixo da súa vida, desde logo, un exercicio de defensa dos dereitos fundamentais, como peza básica do noso edificio xurídico e tamén da nosa convivencia. Moitas persoas lle estamos infinitamente agradecidos.

27 abr 2010

NU PIDE LEALDADE INSTITUCIONAL A SALUSTIANO MATO Acúsao de rachar pactos acadados entre responsables de Nova Universidade e Alternativa Universitaria



 
TEXTO REMITIDO ÓS MEDIOS POLO GABINETE DE NU

A formación Nova Universidade amosa a súa sorpresa ante a “falta de respeto institucional” de Salustiano Mato “cos compromisos acadados” entre representantes da formación liderada por Jaime Cabeza e Alternativa Universitaria, de “non utilizar electoralmente determinados temas e proxectos estratéxicos que poidan resultar condicionantes para o futuro da Universidade de Vigo”.

En concreto, Nova Universidade se refire ás declaracións públicas realizadas por Salustiano Mato, tentando “apropiarse” de proxectos como o plan de infraestructuras, o anteproxecto de obras de mellora e acondicionamento previsto no entorno da Escola de Enxeñaría Industrial ou Cidade do Mar que, segundo Nova Universidade, “acordáramos que non se utilizarían en campaña por ningunha das formacións concorrentes”.

Neste sentido, Nova Universidade recorda que Mato incumpre o compromiso público acadado no seu día co propio reitor saínte, Alberto Gago, e, máis recentemente, co seu vicerreitor de Planificación, José Cidras, quen mantivo unha reunión con representantes de Nova Universidade e Alternativa Universitaria, na que todas as partes se comprometeran a realizar  a presentación do citado anteproxecto fóra da campaña electoral.

Unha actitude por parte de Salustiano Mato que, segundo Nova Universidade, “deixa en evidencia ao reitor saínde, Alberto Gago, ao seu vicerreitor de Planificación, José Cidrás, e mesmo ao comisionado do proxecto Cidade do Mar, Emilio Fernández”, ante o “descarado incumprimento” do acordado.

Asemade, a formación liderada por Jaime Cabeza quere salientar a “disparidade de criterio” á hora de plantexar “inauguracións virtuais” durante a campaña electoral, como a prevista do proxecto para a construcción do edificio administrativo do campus de Ourense e, en cambio, “rexeitar a promoción dunha campaña de publicidade institucional invitando a participar a toda a comunidade universitaria nas vindeiras eleccións e, particularmente, ao alumnado”.

“Nós queremos que se vote, que toda a comunidade participe da festa da democracia do vindeiro 20 de maio, que o alumnado saiba dos seus dereitos no proceso e da importancia do seu voto para o futuro da UVigo e que acuda a votar”, conclúe esta formación.

Finalmente, Nova Universidade agradécelle ao goberno saínte que “se manteña firme” nos compromisos acadados e prégalle ó candidato de Alternativa Universitaria que faga o mesmo.


23 abr 2010

ALUMNADO E PARTICIPACIÓN

As cifras de participación electoral do sector do alumnado teñen sido sempre moi baixas. As causas deste fenómeno case sempre se queren explicar en termos xeracionais ou mesmo de alleamento colectivo do compromiso coa participación política. Eu non desboto estas explicacións, pero penso que hai outras máis inmediatas que, se ben non son causa eficiente, si son concausas desta situación. Eu diría que o alumnado non participa porque hai un interese implícito por que non participe.

Levo alimentando esta sospeita hai meses. E cada vez vai collendo máis forma. Primeiro foi a pouca dispoñibilidade do goberno por fixar os fitos electorais en datas menos comprometidas pola inminencia dos exames de maio-xuño. Segundo, o meco co que se ven cultivando a papoula do esquecemento do dereito de voto deste sector “Que se esquezan –ou mellor, que non saiban que poden votar!”, como consigna. E o terceiro, o baldeiro infindo de políticas institucionais que inviten á participación de alumnas e alumnos nestas ou naqueloutras votacións.

A democracia na Universidade queda gravemente comprometida por estas prácticas de “activismo omisivo”. “Que voten poucos e os nosos de ser posible!”, como consigna de partida. Quixera ver o día 20 longas ringleiras de persoas exercendo os seus dereitos democráticos de participación, na busca dunhas institucións máis representativas. E quixera unha implicación activa deste sector no goberno cotián da nosa institución. É por iso que a nosa vicerreitoría , é, ademáis de estudantes, de participación. De participación democrática e reivindicativa.

21 abr 2010

OBXECTIVOS E MEDIDAS PROGRAMÁTICAS BÁSICAS

Onte presentáronse na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación os Obxectivos e medidas programáticas básicas





Prensa sobre a presentación das liñas programáticas

18 abr 2010

UNHAS VERBAS AO FIN DA XORNADA

Cando xa caeu a noite e repousaron xa algo as actividades desta semana quero expresar unha moi breve reflexión dalgunas delas.

O mércores fixemos acto de entrega dos premios do concurso de micromovies. Ademáis de darlle os meus parabéns á xente que participou teño que salientar un feito que pon de manifesto certas eivas do noso campus. Un dos participantes que recollía un diploma non deu chegado a tempo. Cando xa pechábamos o acto entrou na sala cunha ferida nunha perna. Resulta que ten certo grao de discapacidade e comentou que as condicións en Lagoas-Marcosende en termos de accesibilidade son fatais. Que xa lle pasou o mesmo outras veces. Non se trata de botarlle a culpa a ninguén, pero si de salientar a urxencia de ter a sensibilidade necesaria nos espazos universitarios para a xente con diversidades funcionais ou sensoriais.

Visitei o xoves ao presidente da Deputación de Pontevedra. Quero agradecerlle, desde logo, o bo recibimento que me fixo. O mesmo que, en xeral, me deu toda a clase política que xa teño visitado. O máis salientable da conversa que mantivemos foi o seu compromiso da manter unha relación fluída e de colaboración forte. Paréceme fundamental, básicamente no que ten de coordenación cos pequenos Concellos da provincia de Pontevedra. E de institución da que precisamos para a mellora dos Campus da Xunqueira e de Lagoas-Marcosende. Iso si, chamoume a atención a moi feble relación que manteñen na actualidade ambas as dúas entidades, Deputación de Pontevedra e Universidade de Vigo.

Onte foi o día do debate encol da política de persoal organizado por CIG co meu rival de AU. Evidentemente saín moi satisfeito do mesmo e quero amosar o meu agradecemento á dita central sindical, ao moderador e a todas as persoas que traballaron para que saíra ben. Quero mencionar expresamente aos técnicos que traballaron para que o acto se poidese seguir por UvigoTV. O seu esforzo pagou a pena. Unicamente quero engadir que sempre me sometín ao formato de debate que se me pediu, calquera que fora a proposta que me chegara e sen condicións previas. Estou certo de que, se houbo algún fallo, a experiencia fará que no futuro se corrixa.

E logo os actos menos mediáticos. Reunións con PAS –esta semana tocaron as bibliotecas dos campus de Ourense e Pontevedra-, alumnado…E traballo interno, moito traballo interno. Sinto moita responsabilidade polo entusiasmo do grupo. Aínda queda moito treito por camiñar. Pero, como dicía meu bisavó Cabeza de León no 1931, “sin cexar un istante, cheos de fe e de espranza, chegaremos sin dúbida e non tarde, â consecución compreta dos nos nosos anceios”.

16 abr 2010

NOVA UNIVERSIDADE SATISFEITA CO DEBATE SOBRE PERSOAL DE ADMINISTRACIÓN E SERVIZOS (PAS)


 NOTA A MEDIOS


Nova Universidade amosa a súa satisfación polo debate do seu líder Jaime Cabeza fronte ó seu adversario Salustiano Mato. Nos sete puntos abordados na sesión de hoxe sobre persoal de administración e servizos, Cabeza aportou documentación gráfica e cifras concretas sobre o seu proxecto de goberno.

O candidato pola formación Nova Universidade sinalou entre outros aspectos as diferenzas nas tres universidades galegas en eidos coma xerencia, gasto en persoal ou mesmo o escaso nivel de estabilidade laboral do persoal da UVigo.

Cabeza aportou ideas moi exactas das súas pretensións para os PAS coma actualizar a Relación de Postos de Traballo (RPT), garantir unha carreira administrativa ou abrir a mesa xeral de negociación para igualar condicións de traballo.  No canto Mato expresouse con vaguedades e renunciou no seu discurso á defensa das políticas do seu equipo, Alternativa Universitaria, desligándose dos 12 anos de Goberno deste grupo.

Durante o acto Cabeza recordou á persoa que levará de xerenta, Rocío Frutos, que se atopaba na sala.

Por outra banda, Nova Universidade salienta o respecto escrupuloso do seu candidato os tempos de exposición fronte o exceso de Mato, que tivo que ser cortado reiteradamente polo moderador por alongarse en case tódolos turnos.

Na deputación de Pontevedra

14 abr 2010

Entrega premios polas micromovies A Uvigo que queres en 30"

NOTA DE PRENSA DO ACTO


O candidato a Reitoría da Universidade de Vigo por Nova Universidade, Jaime Cabeza, fixo entrega esta mañá ás 11 horas na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo os dous ipods de 32 e 8 Gb e dos diplomas acreditativos ós gañadores do concurso A Uvigo que queres en 30”. O gañador foi Daniel Gómez Pérez que é estudante de Telecomunicacións de segundo curso e a segunda clasificada, Andrea González Rodríguez, tamén do campus de Vigo, cursa Administración e Dirección de Empresas. A desputa entre ambos concursante foi intensa e non se decidiu ata as últimas horas, quedándose a alumna de ADE moi preto na votación on-line do seu contrincante. Ambos amosáronse moi satisfeitos de acadar tantas visitas ás súas pezas audiovisuais nestes días pola enquisa que permitía opinar ós receptores sobre o seu traballo.
O terceiro clasificado, Marcos García Romero, é da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e cunha peza máis crítica amosa o futuro incerto ós centros que non estean á altura das circunstancias da implantación do EEES. Houbo entrega de acreditación posterior para o cuarto clasificado, Ángel Alonso González,  que con más dun 70% de discapacidade empregouse a fondo non só para poder facer o seu vídeo, senón tamén para chegar a tempo á entrega dos diplomas o cal foi imposible debido a unha caída sufrida no campus.
Cabeza agradeceu ós alumnos a súa implicación dado que “unha das pretensións de Nova é fomentar a participación do alumnado na política universitaria creando ferramentas que permitan unha interactividade real co goberno da Uvigo”. 


De esquerda a dereita Daniel, Andrea, Jaime e Marcos.
 Ángel, á dereita de Jaime, non chegou a tempo por unha caída sufrida no campus.

Novas sobre o concurso de micromovies

12 abr 2010

11 abr 2010

Entrevista do domingo no Diario de Pontevedra

CHANTADAS AS TENDAS DO METAL

Hoxe leín na prensa que sindicalistas metalúrxicos seguen a súa medida de presión do campamento ao carón do edificio da Xunta de Galicia. A protesta ven motivada pola derrogación do sistema anterior de contratación temporal baseado nunha bolsa de emprego –a coñecida ABE- estruturada co gallo do convenio colectivo do ano 2006.

Na miña condición de presidente da mesa de negociación dalquel convenio do 2006 quixera verquer una breve reflexión. Non cabe dúbida de que a situación do 2006 era sideralmente diferente á que temos no 2010. Daquela a idea era repartir un traballo temporal que rebordaba case as posibilidades dos profesionais metalúrxicos. Hoxe hai unha crise de pedimentos na carteira dos asteleiros que condiciona fondamente o rerpartimento dun emprego máis escaso.

A bolsa do emprego foi unha ferramenta que serviu na súa data para superar un conflito moi longo e unha folga que sangrara o sector, logo de nove anos de paz social. Seica foi boa, seica non, pero probablemente perdeu parte do seu sentido. Quixera lembrarlles aos sindicatos –e á patronal- que se aceptara como unha alternativa á súa pretensión de establecer cláusulas subrogatorias para as empresas auxiliares que contrataran coas principais. Teño a impresión de que no 2010 as cousas son distintas: os obxectivos sindicais -segundo eu os interpreto- consisten máis ben en repartir o emprego temporal minguante que se produce e en evitar o intrusismo profesional.

Cal é a técnica mellor, a bolsa de emprego ou o sistema pactado entre a patronal, CCOO e UGT, isto é, a cartilla profesional, inspirada desde logo na construcción? Non o sei. Desde logo, o ABE se manifestou na práctica como un sistema conflitivo de máis. Eu desexo de corazón que o novo sistema funcione ben. Fago votos por que así sexa. Con todo, quero engadir que hoxe hai un valor común do que participan todas as partes –patronal e sindicatos- de que sector precisa dunha regulación xusta do acceso ao emprego. As cousas non eran así cinco anos atrás.

Pero a miña preocupación é outra: enxergo demasiado tacticismo na conflitividade do metal, diante do comezo dos procesos eleitorais sindicais. A CIG ten ao redor do 48 por 100 da representatividade e esa é a cuestión que explica moitas liortas. Pode ser que as percentaxes cambien no 2010-2011. A prol duns ou doutros, tanto ten. Pero sería bo que o sector non padecera un virus eleitoral, porque os problemas de fondo son outros. Que o 52 por 100 da representatividade asine acordos non é o mellor. Cómpre que se retome a unidade sindical. Con altura de miras, por riba desde logo do proceso eleitoral. O necesitan as empresas e os traballadores. Que entendamos que estamos nun período decisivo. Hai que ter xenerosidade. Polas empresas, pola clase traballadora e polo sector. Por todo.

8 abr 2010

Despiste?

Salustiano dí en La Región o 28 de marzo que se prometera reducir o número de vicerreitorías ante a pregunta que fai o xornalista sobre o número de vicexerentes, despiste ??? Como pode comprobarse no Faro de Vigo do 2 de decembro do 2009 queda claro que Nova o ten todo moi claro dende meses antes de que Salustiano fose o candidato a reitor da Uvigo. Na info-foto coas liñas de goberno pode lerse "once vicerreitorías"

4 abr 2010

VOTA O VÍDEO QUE MÁIS CHE GUSTE

A ENQUISA PARA PARTICIPAR ESTÁ Á DEREITA

1.



2.



3.


4.