Claramente. Esta é a parte da sentenza do Tribunal Constitucional 31/2010, do 28 de xuño, máis central. A que aborda a cerna do problema estatutario. Dicía o xurista Viver i Pi-Sunyer, logo dos seus nove anos de experienza como maxistrado deste Tribunal, que o problema das competenzas dos Estatutos de Autonomía non é que sexan poucas ou moitas, senón que son de moi baixa calidade, todas elas expostas e esa hidra das “condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois”, que impón o art. 149.1.1º da Constitución do Reino de España.
É por iso que os Estatutos da primeira xeración eran como as choupanas do pobre, nas que chove. Pola súa permeabilidade, sempre o Estado central podía asumir potestades, e as exercía, vaia se as exercía! A técnica da blindaxe é defensiva, non ofensiva. Non é que se queira máis goberno, é que se quere o que se teña, pouco ou moito. A estratexia do Estatuto de Catalunya é resposta a este problema, que reflicte a distancia inmensa entre un Estado federal e un Estado moi pouco descentralizado, como é o español. Na nosa realidade non cabe o recurso á “devolution”, porque para o imaxinario colectivo noso “devolver” é devolver a España as migallas que se lles concederon nos anos 79-82 ás Comunidades Autónomas.
A capacidade de decisión das Comunidades Autónomas depende, xa que logo, da blindaxe. Que poidan exercer con plena responsabilidade as candansúas competenzas a prol dos seus pobos. Para que non as destrúa a couza da “coordenación da planificación xeral da actividade económica” do nº 13, art. 149.1 da Constitución. Diante da nosa reforma estatutaria pendente, esa é a arela fundamental que ten alguén que vive o nacionalismo desde o seu soño dunha sociedade máis xusta e solidaria. Que pensa que os conceptos máis emocionais e os símbolos identitarios deben ser máis transixíbeis.
Un exemplo: onte, en Ribadeo, participei na procesión marítima do Carme, na que había bandeiras monárquicas a cachón. Algunha particularmente grande de certa familia ribadense moi coñecida. Son tempos nos que no imaxinario español sobrancea o lema “sen complexos”. Esta tarde, de volta a Vigo, de novo sentín certa zuna, ao pasarmos o cemiterio de Goiriz, diante do sartego do “caído” que hai canda a estrada. Sorprendinme eu mesmo, logo de anos de reconciliación e mesmo complicidade con este home galego anónimo que morreu novo hai tantos anos. É a fartura do español que temos estes días.
Non quixera causar fartura de sinais identitarias de Galiza. Abonda con que poidamos gobernarmos un pouco máis. Diso vai unha reforma estatutaria.