Os usuarios do transporte urbano de Vigo levan
semanas sufrindo as consecuencias do conflito na negociación colectiva da
empresa de autobuses concesionaria dese servizo. Onte os mediadores, José María
Casas de Ron e Verónica Martínez Barbero se retiraron da mesa de negociación
para que as dúas partes fixeran a recomposición das cadansúas posturas. O
Concello titular do servizo preferiu, probablemente con bo criterio, quedar á
marxe e nin intervir directamente.
Ata aquí, nada especial. Nada
agás que un servizo tan esencial en Vigo leva semanas en situación de impasse, con gran perxuízo para a
mobilidade da xente, particularmente da das parroquias e con poucos recursos. O
que realmente sorprente é a actitude da Xunta neste asunto. Que fixo a Xunta?
Nada. Nada? Si, absolutamente nada. Á Dirección Xeral de Traballo e Economía
Social parece que este conflito non lle concerne. Tampouco, por suposto á
Delegación Territorial da Xunta de Galiza en Vigo. Non fixo o máis mínimo aceno
de mediar por iniciativa propia nen tentar aportar seu grao de area para
resolver un problema importante para os cidadáns e cidadás de Vigo.
No ano 2012 case hai que recordar
que a Xunta ten transferidas as competencias en materia de execución da
lexislación laboral. Nestes días, nos que no Diario Oficial de Galiza hai unha
enxurrada de nomeamentos de cargos, habería que lembrarlles aos e ás adxudicatarias dos mesmos que os cargos
teñen cargas. Ou cando menos funcións. A autoridade laboral está, entre outras
cousas, para desenvolver funcións mediadoras. Desde logo, no caso do Concello de
Vigo, os mediadores propostos –polo Concello- traballan na máis absoluta
soidade, co infindo desinterese da institución autonómica teóricamente
competente.
Sinto saudade das noites da
metade da década anterior tentando resolver conflitos coa presenza e coa
implicación activa da autoridade laboral. Permítaseme evocar a un home de ben,
Pedro Borrajo, última autoridade laboral “competente” ata hoxe en Vigo. E digo “competente”
en todo o seu amplo contido. Porque a Xunta de hoxendía é ontolóxicamente
incompetente. É unha Xunta existencialista, no senso sartriano da expresión:
existe, pero non sabe por que nen para que. É unha Xunta de cartón-pedra. Non serve
para ningún interese tanxible da cidadanía. Non da servizos. Non asiste a
ninguén. Non asiste, senón que “axusta”, isto é, deixa de exercer as súas
competenzas.
Desde este meu modesto blog,
esíxolle á Xunta que medie no conflito e que percure a súa inmediarta solución.
Que interveña, medie e exerza as súas dotes persuasivas para que se chegue a un
acordo xa. Denuncio como lacazáns e inútiles aos e ás responsables da Xunta con
comperencias en materia laboral. Son
indignos da confianza que o pobo galego lles renovou hai moi pouco
tempo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.