Que
en campaña se digan moitas parvadas é algo ao que xa estamos afeitas e
resignadas as persoas que temos que ir ás furnas. Que Mr. Bean e os seus mariachis
tiren de argumentario cutre-pepero xa se da por suposto. Ao fin, tamén os
outros candidatos din cousas que mellor que quedasen calados. O que ten de
diferencial o noso presidentiño é esta especial facilidade de mentir “impasible-el-ademán”
que non teñen os demáis. Esa especie de parálise facial no rictus –por certo,
tamén a ten Mario Conde, esqueceume, asemade candidato pola provincia de
Pontevedra- propia destes charlatáns de feira, taberneiros, poxadores, frades
mendicantes, concelleiros ourensáns-baltarianos, directivos de caixas e demáis “xentalla
de aquí e de acolá” que se espalla pola nosa xeografía ou mesmo exportamos a
Madrid –que non se me esqueza Romay Becaria, padriño de rufiáns-alcaldiños-.
Digo
isto como apertura desta mensaxe de hoxe, relativa á entrevista que lle fixeron
hoxe á mañá na SER ao tocaio do Principiño de Mónaco, noso sempre Albertiño.
Preguntoulle Pepa Bueno polo desemprego e, poñéndose á defensiva, dixo
trouladas á esgalla e afirmacións impropias das nove da mañá dalguén que non
almorzou con augardente. Dixo que o desemprego estaba por debaixo da media
española no que a el lle importaba, que eran os desempregados e demandantes de
emprego. E que subira moito máis no último ano do goberno bipartito. Olé!!!!!!
Quen fixo o argumentario do Papo? Ou improvisou noso meniño Feijóo?
Non
é xusto sacarlle agora ao axente 009-Frijol seu programa do 2009. A fin de
contas, tamén o esqueceu seu xefe Madiano Dazoy e iso que as eleccións
españolas foron no 2011. O que é xusto –e necesario- é lembrarlle un par de
cousiñas ao noso inquilino de Monte Pío. É xusto e necesario, e tamén o meu
deber –non a miña salvación, agás que estes trapalleiros non gañen con maioría absoluta
no domingo-. Sería unha marca propia de Usain Bolt que o desemprego galego se
achegase ao español, cando a Mr. Bean únicamente lle interesan os desempregados
demandantes de emprego. É dicir, na Galiza temos o record de persoas non
activas de todo o mundo mundial. Por certo, hai que dicirlles que non lle
interesan nada ao presidente da Xunta, porque non son demandantes de emprego.
Nesas condicións, estamos en inferioridade cos nosos irmáns andaluces –aos que
Feijóo chama lacazáns- porque teñen menos xente en situación non activa. Ademáis,
nos logros de Mr. Bean está reactivar algo tan galego como a emigración, que
creceu exponencialmente do 2009 ao 2012, neste aspecto Mr. Bean á certo que espallou
a “galeguidade”. Tanto que, por máis que un amigo meu peruano fala de “euracas”
para definir aos emigrantes de España a Latinoamérica destes anos, non ten
éxito en Arxentina, Uruguay, Chile, Venezuela…onde os chaman, cada vez máis,
galegos.
É
dicir, creceu a poboación pasiva –a pasiva, a total diminuiu-, creceu a
emigración e creceu o desemprego. Iso si que é un Sudoku imposible que logrou
Feijóo. O desemprego, segundo datos que me pasaron hoxe –o oficial, o
rexistrado- subiu do 12’22 por cento ao 21’07 por cento. Por certo, estaba máis
por debaixo da media no 2009. O número de persoas ocupadas baixou de 1168500 no
2009 a 1033700 no 2012. É decir, perdemos 135000 activos en 3 anos e medio.
Estos son os datos. Pero Frijolito non fai caso da baixada da poboación activa,
“porque iso non lle interesa”. O dixo ou non o dixo? Que lle pregunten a Pepa
Bueno.
En
fin, vou aforrar máis comentarios porque alguén me vai dicir que son un
derrochón. Ou mellor, vou gardar outras ideas nun caixón para deixalas para o
exercicio seguinte, que iso está moi de moda na Xunta. E hai que estar cos
tempos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.