Levo dous días querendo redactar
unhas liñas verbo do comentario deste personaxe. Pero o noxo xigante que me
produciu seu comentario aconselloume agardar un pouco, para non incurrir no
insulto, que é o único que merece, desde logo, Castelao Bragaña, que non é quen,
desde logo, de que se lle chame “señor”, nen “home”, nen “persoa”. O asunto é
que o seu comentario ten o cheiro indecente de ser mainstreaming no partido que, para desgraza colectiva, nos Goberna.
Onte, noso presidente interino, Mr. Alberto Bean salientou, en defensa de
Castelao Bragaña, que “dimitiu ás horas”, en tanto que “xente imputada do PSOE
paséase polos mítines imputados ou procesados”.
Afórrolle á xente que lea estas
liñas a penalidade de ter que ler outra vez a expresión proferida por Castelao
Bragaña. Unicamente lembro que é un dos máis paradigmáticos casos de acoso
sexual e de acoso por mor de sexo. Que alguén lea o art. 7 da Lei Orgánica de
Igualdade para comprobalo. En España e en toda Europa, a expresión de Castelao
Bragaña constitúe un exemplo agravado de acoso sexual e sexista. A comparación
que fai Mr. Bean presidente da Xunta entre o comportamento de C.B. e o doutros
imputados do PSOE é unha agresión á dignidade das mulleres. Sen máis e sen
atenuantes.
O máis salientable do caso é que
a Castelao Bragaña, que se saiba, non o expulsaron do Partido Popular, nen lle
abriron expediente. É dicir, os seus comentarios encaixan perfectamente no
ideario do Partido Popular. A conduta omisiva dos seus órganos internos así o
expresa sen marxe de dúbida. Os líderes deste partido discriminatorio coas
mulleres non fixeron senón aplaudir a súa conduta de dimitir. Xa está, segundo
os seus comentarios, alén dunha reprobación tópica do comentario. É dicir, o
castigo que merece C.B. é ningún.
Nestas condicións, o único que
lle queda a alguén é facerlle ás mulleres, pero sobre todo aos homes galegos,
unha súplica: que amosen co seu voto o seu desprezo por Castelao Bragaña e polo
partido no que milita. A expresión do Partido Popular posta en boca deste
suxeito é a discriminación máis indignante que sufriron as mulleres nos últimos
tempos. Os galegos somos, desde logo, un pobo decadente, que perdeu a banzos
xigantes a súa identidade, en particular nos últimos catro anos. Que perdeu o
rumo da historia da man dun goberno mesquiño. Pero debemos ser un pobo que
manteña a súa dignidade. Que desaparezan do espazo público os acosadores
sexuais é unha cuestión de hixiene pública. Pensar que Castelau Bragaña foi o
noso representante non pode ser senón a lembranza repugnante dunha historia que
non se pode repetir xamáis.
Galegos e galegas: temos o perigo
de renovar como presidente da Xunta a alguén cómplice de acoso sexual e
sexista.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.