Que haxa que negociar o convenio
colectivo dunha empresa pública non ten nada de particular, como tampouco o ten
que se convoque unha folga en soporte das teses sindicais. Vai de seu que esta
folga ten que afectar aos dereitos á mobilidade dos usuarios do servizo. É por iso que o noso sistema
xurídico contempla o estabelecemento de medidas de ponderación dos dereitos
fundamentais e bens xurídicamente protexidos en xogo que se concretan
normalmente na fixación de servizos mínimos.
Hai que lembrar estas nocións
básicas, e hai que lembrarllas especialmente aos facinerosos que dirixen a
Consellería de Transportes da Comunidade de Madrid. Que para a cabalgata de
reis se establezan ditos servizos nun 80 por 100 a moitos nos parece abusivo,
pero iso o terá que dicir un órgano xudicial. O que é unha absoluta tolemia é
que se lles pretenta responsabilizar aos sindicatos convocantes dos incidentes
que poidan suceder. Toda unha provocación para que mañá poida suceder algo!
Que da Comunidade Autónoma
dependa o Consorcio Rexional de Transportes de Madrid non é argumento abondo
para que os mequetrefes dos “gobernantes” desta Comunidade Autónoma profieran
expresións tan impertinentes. Este viveiro de pijos-peperos que é o goberno de
Ignacio González estase a converter no maior xenerador de conflitividade
social. Alguén tería que porlles un bozal a Pablo Cavero e a Borja Carabante,
entre outros. Alguén tería que aprenderlles as gravísimas competencias e
responsabilidades que as administración autonómicas teñen na composición de
conflitos, con funcións mediadoras para as que o Goberno madrileño está
absolutamente desacreditado.
Vai de seu que a prensa da
caverna madrileña, co seu pestilente estilo de confrontación social, queira poñer
á cidadanía contra os traballadores do Metro. Pero que fagan o mesmo os
responsables políticos é gravísimo. Aínda teremos que escoitar como estos
personaxes, auténticos falanxistas que enxergan con desprezo os dereitos fundamentais,
se atribúen a etiqueta de “liberais”!
O que é peor é que este estilo de
confrontación e desprezo dos dereitos individuais e colectivos dos
traballadores é unha moda que crece. Confrontación co suxeito sindical e cos
seus medios de acción máis elementais. Que o voceiro desta manda de
politicastros queira regular a folga é para tremer. O que quere, sen máis, é
laminar o dereito de folga. Ubicarse mesmo á dereita do goberno español nos
tempos que corren é un exercicio dificilísimo, pero que, con incredulidade, comprobo
que hai quen o logra.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.