13 dic 2009

Lei de estranxeiría

Hoxe entra en Vigor a LO 2/2009, de reforma da LO 4/2000, de extranxeiría. Unha reforma que, desde logo, restrinxe os dereitos das persoas estranxeiras -isto é, das que non pertenzan á Unión Europea ou ao Espazo Económico Europeo-.
Non me chamou a atención unha reforma destas características nos tempos que corren. Mágoa que moita xente queira considerar a estas persoas culpabeis do desemprego que moitos sofren. Mágoa que non lles recoñezamos canto teñen contrubuído ao noso desenvolvemento. Pero, como di meu amigo Antonio Baylos, cando percurábamos man de obra chegaron persoas. E iso non o queremos entender.
O que me ten alporizado é a adhesión das organizacións sindicais, sen fisuras, a esta reforma, mesmo con propostas máis radicais das que ás veces propuxo o Goberno. É un mal síntoma de que se está producindo un andazo xenófobo que cómpre atallar canto antes.
Da reforma se salientou a posibilidade de que as persoas sexan retidas ata sesenta días antes da súa expulsión do territorio do Reino de España. Está claro que a elas non lle recoñecemos algo que se pareza minimamente ao dereito de habeas corpus, pero así somos de solidarios!.
Quixera engadir dúas cuestións importantes. A primeira delas é que o dereito de reagrupamento de ascedentes se restrinxa ás persoas que teñan máis de 65 anos. Evidentemente, do que se trata é de evitar que haxa concorrencia de activos estranxeiros polo dereito de reagrupamento. Outra vez a mesma teima! Elas -as persoas estranxeiras como responsabeis do noso desemprego-. No cabe dúbida de que esta regla vai confinar a moreas de persoas no ámbito do traballo sulagado e sen dereitos, nos guettos sociais. Pero, desde outra perspectiva, teño a impresión de que esta regla implica unha evidente discriminación por mor de idade que compriría xustificar, non con datos conxunturais da crise pola que pasamos, senón con datos estruturais. Unha xustificación que non se me antolla doada.
E outra regla: a denegación definitiva dos dereitos de Seguridade Social, agás os derivados de accidente de traballo e de enfermidade profesional. É certo que o Tribunal Supremo xa contribuiu a este despoxo, pero o lexislador quixo deixar as cousas moi craras. Non fora ser que unha sentenza lles recoñecera logo, vg., o dereito á prestación por desemprego.
Hoxe os dereitos fundamentais non están de noraboa en España. Pero menos de noraboa están estes continxentes de persoas que emigran por unha vida mellor, como nós fixemos hai ben poucos anos!

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.