21 oct 2009

CARTA PARA A COMUNIDADE UNIVERSITARIA

“A todas as persoas que compoñen a comunidade universitaria da Universidade de Vigo:

Quixera, nunhas breves liñas, presentarme ante vós e amosar os motivos que me levaron a postularme como líder dunha corrente de opinión que ten arelas de cambio nesta Universidade e, probablemente, como candidato a Reitor.

O primeiro deses motivos, sen dúbida, é que hai un grupo de persoas: "Nova Universidade", que alenta, que alentamos, xustamente esa arela conxugándoa colectivamente nun proxecto definido; un grupo de persoas que confiou en min o exercicio dese liderado. E se a elas e eles todos agradézolles esa confianza fondamente, comprométeme aínda máis o percibir inequivocamente no corpo desta universidade sentimentos e movementos sinérxicos co noso na demanda dun cambio.

Eu son Xaime -ou Jaime, tanto ten, que me chamo con xeito- Cabeza, profesor de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Un Dereito do Traballo, con maiúsculas, que tamén reivindico para o persoal da Universidade de Vigo.

Formo parte dunha xeración que comezou a súa andaina académica nos anos de xurdimento da Universidade de Vigo -arredor do ano 1990- e que hai pouco que entrou na década dos corenta anos, no meu caso, 42. Nestas coordenadas temporais, xulgo que asistimos ao crecemento da nosa institución e que coñecemos dabondo as súas fortalezas e as súas eivas.

Máis aló destes pequenos datos, non quero falar de min, senón daquel colectivo e do seu proxecto.

O colectivo é "Nova Universidade", porque entendo que nel se concreta xa unha corrente integradora e transversal que urxe xerar; unha corrente na que caibamos todas as persoas que enxergamos con ollada crítica unha situación que, como pouco, hai que definir como moi mellorable; que conciba o goberno da Universidade como un exercicio colexiado de co-responsabilidade; que renda contas perante toda a comunidade académica e á sociedade, que, con humildade, aspire, tal como nós aspiramos, a rexer a nosa institución ao servizo do alumnado, do persoal docente e investigador, do de administración e servizos.

Desde esa opción, no noso proxecto a Universidade de Vigo ten que ser unha universidade das persoas, na que as carreiras profesionais se consideren, respecten e fomenten para que cada quen de nós poida progresar na súa vida profesional. Na que se protexa aos grupos máis vulnerables e se defendan radicalmente os dereitos fundamentais, ao tempo que se procure a excelencia académica e científica. Na que os alumnos e alumnas vivan, nunha escola de democracia, igualdade e participación, unha aprendizaxe integral e xenuinamente libre. Unha Universidade de Vigo con máis e mellor proxección institucional e que sexa partícipe activa dos acontecementos sociais e culturais que se desenvolven na súa área xeográfica.

A nosa institución ten que contar así cun proxecto estratéxico real que sexa guieiro das políticas concretas. Mais, cantos esforzos se deixaron de pór nese camiño! Hai que proxectar seguridade e rigor nunha conxuntura de cambio. As políticas máis estratéxicas non se improvisan nin se impoñen, hainas que reflexionar e discutir colectivamente nos espazos de debate máis amplos e representativos. Sen mirar cara atrás, pero desde logo co necesario sentido crítico, pregúntome, como tantas outras persoas: que foi daquela Universidade "democrática e participativa, plural e integradora" á que apelaba o reitor Docampo? Abofé que os seus epígonos non souberon dar conta dela, tan ocupados como están nas súas liortas internas de poder e alentando, no canto da unión, o enfrontamento e a división entre a comunidade universitaria.

Desde a humildade -cómpre insistir- dun colectivo, "Nova Universidade", que se amosa como aberto, tolerante, plural e integrador, cremos pois que ese proxecto común seriamente enraizado na nosa realidade é posible sen sectarismos, exclusións, opacidades nin tampouco faltas de democracia interna, para que, deste xeito, o noso futuro se deseñe participativamente.

Persoalmente teño a vontade, de cara á inmediata definición polo miúdo da nosa alternativa programática de renovación, de recoller opinións e conversar con todos os colectivos. Asumo así como primeiro compromiso o de estar preto de vós e falar co maior número de persoas: PDI, PAS, alumnas e alumnos. E, para alén de pórme desde xa agora mesmo á vosa disposición no trato directo, posto que a tecnoloxía nos ofrece novas formas de comunicación que melloran as nosas posibilidades, espero con interese os vosos comentarios, suxestións ou consideracións a través do meu blog: http://www.jaimecabeza.com.

Comparezo cunha dose de ilusión grande porque teño a seguridade de que a nosa mensaxe de cambio, no fondo e mais nas formas, será portadora de esperanza: esa virtude que tanto anhelamos hai xa bastante tempo, pois pouco queda daquel legado do que algúns outrora se gababan.

Por iso precisamos dunha auténtica alternativa, do respaldo a "Nova Universidade" para unha universidade tan nova como é a nosa, e a un candidato a reitor de todas e todos, para todas e todos.

Á vosa disposición: Xaime Cabeza.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.