1 dic 2013

FLEXIBILIZACIÓN DE CONTRATOS A TEMPO PARCIAL, SIMPLICACIÓN DE CONTRATOS TEMPORAIS…

As declaracións de hoxe do ministro de Economía e Competitividade non se afastan, por desgraza, do guión que vimos escoitando estos días, en relación coas iniciativas legais que se van pór en marcha en materia laboral. Porque se algo pode ser contraproducente e lesivo para o mercado laboral é flexibilizar os contratos atípicos. Da noxo que logo digan que loitan contra a segmentación do mercado de traballo ao retirarlles dereitos aos traballadores con contratos indefinidos. Con estas novas iniciativas queda claro que tal argumento non pasaba da categoría de pretexto. Porque se hai unha medida que ten potencialidade segmentadora é negarlles dereitos aos traballadores atípicos. E se hai algo discriminatorio por definición é dirixir reformas restritivas contra as persoas que traballan a tempo parcial. Resulta evidente que a recuperación do emprego, cando se produza, vai vir da man do incremento masivo de contratos atípicos –temporais, a tempo parcial, por ETTs, autónomos dependentes…- Precisamente por iso ten tanta importancia que se acheguen os dereitos destes colectivos aos dos traballadores indefinidos, nunha senlla que desde logo comezou a reforma do 2006, seguiu a de 2010 e se truncou a partires de agosto do 2011. O que queren as Directivas da Unión Europea consiste substancialmente en procurar o principio de igualdade de dereitos entre traballadores atípicos e típicos. Outra vez o ministro vai totalmente a contracorrente do que se postula en Europa. Pero iso non tería tanta importancia se non fose porque o resultado da reforma vaise traducir nun incremento da inestabilidade e da precariedade da nosa poboación activa. Os xóvenes aos que o Goberno di protexer van ser vítimas de condicións de traballo indignas que non lles van permitir progresar nas súas carreiras profesionais, senón perpetuarse no emprego preacario, no subemprego e no desemprego cíclico. Non van poder millorar porque flexiblizar contratos atípicos é tanto como cortar todas as pontes de transición ao emprego típico indefinido e a xornada completa. Por suposto que o ministro non ten nin idea de que pasa na realidade do contrato a tempo parcial no noso sistema. Además dunha flexiiblidade horaria desproporcionada –horas complementarias, horas extraordinarias, xornada irregular, imposibilidade dos traballadores coñeceren a distribución da xornada-, moito emprego informal. Sectores como o traballo doméstico ou a hostalaría están inzados de emprego sulagado. E, no caso do emprego formalizado, contratos formalmente a tempo parcial nos que se traballan máis horas das contratadas. Esa é a realidade, non outra, señor de Guindos, entérese! Por suposto que hai moito que reformar, pero non na orientación que pretenden estos desaprensivos. Trátase de que exista contrato a tempo parcial e temporal con dereitos. Sen que eses dereitos estean necesariamente rifados con doses proporcionadas de flexibilidade. Pero sen que a flexibilidade sexa desproporcionadamente maior no traballo a tempo parcial que no contrato a xornada completa. Os traballadores a tempo parcial son persoas, non monecos. Canto ás modalidades de contrato temporal, esta rosma de que hai que simplificar súa multiplicidade é unha teima que non se enfronta aos problemas reais. Máis do noventa por 100 dos contratos temporais que se formalizan obedecen formalmente ás causas estruturais de obra ou servizo e eventualilidade. O problema, xa que logo, é como a práctica empresarial, coa complicidade xudicial e da negociación colectiva, está a difuminar as causas reais que xustificarían contratos temporais. Nada máis. Pero un teme que simplificar, coa simplicidade de pensamento dos que gobernan, non vai ser outra cousa que relaxar os xa mornos mecanismos de control.

1 comentario:

  1. Benquerido profesor:

    Estou totalmente dacordo co fondo do seu artigo. Porén, non concordo con que o ministro de economía non coñeza cal é a realidade dos contratos a tempor parcial e o seu uso espúreo. A descrición que fai da súa traducción práctica creo que encaixaría dentro do que unha parte maioritaria do empresariado español entende por "flexibilidade". As consecuencias que isto poida ter a longo prazo - de exclusión laboral e social, infracapacitación dos nosos recursos humanos, menor capacidade de crecemento potencial...coas súas concomitantes consecuencias políticas e sociais, parécemen que non lle importan a ninguén. Se como dixo alguén a actualidade coméuse o presente quen vai reparar no futuro.

    ResponderEliminar

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.