MURU
Antonte morreu unha das persoas que máis engrandeceron a
profesión de avogado en Galiza, José Luis Muruzábal. Morreu o avogado, o
sindicalista, o home solidario e integrador. Unha persoa auténtica á que nunca lle
faltaron folgos para emprender as causas máis complexas. Coñecino no ano 90,
cando me permitiu acompañalo aos xulgados de Santiago para aprender del.
Daquela a nosa relación foi breve, porque axiña centrei meus esforzos na
carreira académica e a tese doutoral. Quedoume a mágoa dunha relación truncada
pola miña escolla, sen que eu lle dera explicacións abondas.
Pasados os anos, amizades conxuntas nos reuniron de novo. A
xente da CXTG –Burgos, Tellado, Acuña- puxéronnos en contacto para xuntar nosos
esforzos en conflitos imposibles. A miña colaboración desde unha perspectiva
máis teórica de informes constituiu un pequeno apoio –así o creo- nas súas
defensas de colectivos sinalados. Sen dúbida algúns dos asuntos dos que me
sinto máis orgulloso de ter intervido –por
exemplo, no dos veterinarios de AVESGA- foron prantexados e defendidos por el. Aprendeume
que os casos máis difíciles son os que realmente paga a pena gañar. Ou perder,
como tamén nos sucedeu alguna vez –como no caso dos traballadores de LIMEISA-
pero sempre coa convicción de defender unha causa xusta.
A coincidencia de que as nosas donas foran as dúas de
Ribadeo xuntounos algunhas veces no verán para xantar ou pasear. A miña
derradeira lembranza del é diante da Bugalla, o ano pasado, tomando un viño coa
ledicia da enfermidade aparentemente superada. Ese optimismo vital do home que
aínda tiña mil retos que afrontar e outros tantos traballadores que defender.
De feito, aínda lle están chegando recursos gañados no Tribunal Supremo de moitas
cesións ilegais da Xunta de Galiza. Así o puiden ver hoxe cando, distraído,
puxen seu nome nas bases de datos de sentenzas.
Estos meses souben do agravamento desta enfermidade maldita
polo seu amigo Luis Burgos. Non era eu o suficientemente achegado a el como
para entrar na súa intimidade nestes últimos tempos. Ata antonte, cando me chegou
a esperada mensaxe de SMS. Cando menos, os periódicos e internet regaláronme a
súa imaxe unha vez máis. Dese home que contaxiaba optimismo e enerxía.
É case seguro que non vou escribir máis del. Pero tamén que
o meu silencio non será sinal de esquecemento, senón de mágoa pola perda dalguén
ao que moito admirei. E de mágoa de non terlle aceptado algún dos proxectos nos
que me quixo embarcar. Morreu o home, pero fica en pé o símbolo. E a miña
memoria será teimuda. Penso que a de moitos outros tamén.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.