11 jun 2011

REAL DECRETO LEI 7/2011

Xusto leín por primeira vez o Real Decreto-lei de medidas urxentes para a reforma da negociación colectiva. Constitúe, desde logo, unha reforma intensa do Tít. III do ET, alén dalgún precepto concordante. Unha reforma, no que atinxe a esta materia, de cando menos a mesma pegada que a do 1994. Intensa e extensa, difícil de asumir nunha primeira lectura, os xuízos de valor que se están producindo son banais, apriorísticos e de pouco fundamento nas súas expresións máis radicais. Hai que ver que da de si o proceso de convalidación e máis a tramitación parlamentar que nos agarda. Entrementres, vou enunciar as primeiras valoracións –insisto, moi superficiais- que me produciu:

1ª.- O seu interese forte pola solución extraxudicial dos conflitos colectivos negociais e interpretativos. Básicamente, no que se refire aos estancamentos das comisións negociadoras. Era evidente que a reforma tiña que entrar nesta materia. Na que, desde logo, había moito treito que camiñar na promoción das mediacións e das arbitraxes. Penso que a postura da Lei 35/2010 nesta cuestión foi excesivamente tímida. Do único do que teño dúbidas de constitucionalidade é da arbitraxe que prevé o apartado 2 da disposición adicional primeira. Entendo que non hai submisión á mesma nen expresa nen tácita, polo que é un mecanismo de heterocomposición de dubidoso encaixe nos arts. 28.1 e 37.1 da Constitución.
2ª.- Unha reforma interesante das reglas de lexitimación nas que se reduce o protagonismo das representacións unitarias a prol dos sindicatos e das seccións sindicais. Esta tendencia é máis evidente nos convenios de grupo e de rede de empresas. En xeral, son reglas razoabeis. Aínda que cómpre denunciar certo movemento de favorecemento do asociacionismo de gran empresa fronte ao de pequena empresa. Asemade, certo interese moi positivo de integrar baleiros de lexitimación, á vista do moi relativo éxito dos procedementos de extensión dos convenios colectivos.
3ª.- Unha maior soberanía dos convenios colectivos estatais de sector e acordos interprofesionais de sector. Era unha tendencia esperada e esperábel, por máis que merecería alguna discusión. Pola contra, os verdadeiros perdedores son os convenios provinciais de sector, indefensos fronte aos de empresa e sen capacidade de incidencia fronte os estatais de sector. É, desde logo, unha reforma de resposta antagónica á xurisprudencia do TS. Que prantexa retos de modificación da estrutura negocial de sectores tan importantes como o da limpeza, o do metal ou o de oficinas e despachos, entre moitos outros.
4ª.- Unha evidente revalorización dos convenios de empresa, únicamente susceptíbel de limitación desde os convenios estatais de sector. A capacidade de adaptación das empresas aos ciclos produtivos crece. Pero, desde logo, tamén crece a posibilidade de carreiras cara ás condicións salariais e non salariais mais baixas, nunha dinámica na que a competitividade entre empresas pode producir resultados moi desleais, en particular nos sectores sen penetración sindical, é dicir, moitos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.