9 mar 2011

“NUEVE PROPUESTAS PARA LA REFORMA DE LA NEGOCIACIÓN COLECTIVA EN ESPAÑA”


Xusto leín agora mesmo o documento de FEDEA. Por certo, non contén a anunciada vinculación do crecemento salarial á produtividade, cando menos de xeito expreso. Mesmo a súa proposta 9, referida a esta materia, non me pareceu especialmente criticábel, aínda que habería que matizar varias cousas. Dela non vou dicir nada hoxe, porque quero introducir certa sistemática no comentario.  Por outra banda, o número de asinantes é 14, non 100, o que non ten desde a miña óptica unha significación especial. Descoñezo se nesta fundación hai controversia ao respecto ou se hai un consenso máis ou menos amplo.
Antes que nada, cómpre dar os parabéns a FEDEA, cando menos pola apertura dun debate social necesario. Tamén polos propios contidos do documento, que desde logo xuntan os asuntos máis conflitivos do noso sistema de negociación colectiva. Sen perxuízo dalgunha afimación na que, en dereito, as cousas non son como expresan, e dalgunha afirmación de contexto que conviría corrixir, parten dunha diagnose que, desde o seu punto de vista, é sinceira.
Dito o dito, tampouco me vou parar no comentario da introducción do documento. É evidente que pon os acentos nuns aspectos e esquece outros que conviría introducir. Por exemplo, as diferencias cuantitativas en termos salariais da clase traballadora no Reino de España e noutros Estados Europeos. Pode que os custes laborais unitarios creceran entre nós nun 13 por 100 máis que na zona Euro. Porén isto non debe agachar a realidade de que, en termos absolutos, cobramos menos do que cobran nosos e nosas colegas franceses, alemáns, belgas ou holandeses, entre outros. E estaría por engadir que este diferencial do 13 por 100 é parello ao dos demáis PIGS, por evidentes motivos de converxencia de mercado.
Por outra banda, expresar que a moderación salarial en España foi escasa tería que ser relativizado. Sería máis xusto dicir que os salarios non se comportaron de xeito simétrico coa dinámicas da economía: do mesmo xeito que hoxe en día cabería criticar que os axustes poucas veces veñen da man de reduccións salariais, habería que engadir que ata 2008 os salarios non seguiron a dinámica alcista da economía. Habería, ademáis, que lembrar que é moi cedo para valorar se as inaplicacións salarials reguladas no 2010 funcionan acaídamente.
Entrando xa nas recomendacións en si mesmas, compriría discutir que o noso grao de descentralización da negociación colectiva é baixo. Iso non é certo. O que parecen querer dicir os asinantes é que hai un baixo número de convenios colectivos de empresa. Quizáis, aínda que ata certo punto. Pero a experiencia de negociación de acordos e pactos de empresa na nosa realidade é ampla e dinámica. Máis ben, o que parece querer dicir o documento de FEDEA é que é complexo que deixe de rexer un convenio sectorial para que se aplique en exclusiva un convenio de empresa. Tampouco, expresada nestes termos, a afirmación é real. O noso sistema de concorrencia de convenios non imposibilita a escolla do ámbito de empresa. Unicamente lle da preferencia aplicativa ao convenio primeiramente vixente, por hipótese o sectorial.
É máis, o complexo é xustamente o contrario: que deixe de existir un ámbito de empresa porque sexa sulagado por un sectorial. Nestes termos, o que compriría é que as reglas de concorrencia favoreceran un mellor repartimento de papeis entre uns e outros convenios colectivos. Máis ben teño a impresión de que a lexislación vixente, máis que favorecer un ámbito sectorial sobre un empresarial, o que favorece son as inercias. Polo tanto, e xa entrando no comentario da primeira proposta concreta do documento, as reglas de concorrencia non perxudican especialmente os ámbitos empresariais. Menos se o art. 84 se interpreta conxuntamente co art. 41 e co art. 82 do Estatuto dos Traballadores. Mesmo favorecer máis a negociación estatutaria de empresa favorecería unha atomización das unidades negociais excesiva e perturbadora para as empresas competidoras.
Continuarei mañá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.