9 may 2010

O DÍA DE EUROPA

Xa hai 60 anos da declaración de Robert Schuman! Se hoxe vivise, tería un forte desacougo polas tensións que ten a idea de Europa e pola miopía duns xefes de goberno sen a amplitude de miras necesaria como para avanzar decisivamente na integración europea.

Hoxendía, cando moitos dos gobernantes do Leste de Europa conciben a Unión como un mercado para os seus bens e servizos e como un dos caladoiros financieiros nos que obter uns fondos para o seu desenvolvemento –como foi o caso do tráxicamente finado L. Kaczynski ou é o do presidente checo V. Klaus-, é certo que os seus homónimos occidentais tampouco lle queren mellor ás políticas máis desenvolvidas para artellar o vello soño europeo. A hostilidade de Merkel e de Sarkozy cara á integración de Turquía é un exemplo sobranceiro da pouca xenerosidade coa que hoxe se vive dito soño.

Recén rematado o informe de sabios presidido por F. González, as súas conclusións, mais que pesimistas, son unha folla de rota para adoptar opcións estratéxicas de futuro. Desde logo, algúns quixéramos un prantexamento máis social. Pero sen dúbida os principais problemas son institucionais. Non tanto do aparello normativo canto da confianza nas propias institucións. O mellor reflexo é o moi baixo perfil que lles deron aos novos cargos as personalidades dos cadanséus titulares –Van Rompuy e C. Ashton-.

Con todo, a entrada en vigor do Tratado de Lisboa o 1 decembro 2009 afortalou algo o marco xurídico. Cando xa pasou o Ecuador da presidencia do Reino de España un pensa que a febleza das decisións deste semestre tería sido maior cos vellos Tratados. Falando de Europa, sempre queda o pequeno consolo de que, paseniñamente, pero algo se avanza.

Neste contexto, habería que espallar na Universidade de Vigo algo máis de adhesión e complicidade cos procesos de integración europea. E reparar en que a nosa posición ten que ser máis interactiva e de pertenza. Os proxectos europeos son unha das nosas grandes asignaturas pendentes, por máis que algo se ten avanzado nos últimos anos. E, desde logo, a mobilidade de estudantes e PDI. Que nos catro anos seguintes obteñamos resultados moito mellores nestas estratexias vai ser unha das fundamentais varas de medir o progreso da nosa institución.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Os comentarios son benvidos neste blog, xa que o seu obxectivo é ser un punto de encontro e de diálogo co autor. Podes deixar a tua opinión, que pode non coincidir coa miña, pero sempre con cabeza. Os comentarios destructivos ou que falten ó respecto dos participantes no blog serán eliminados.