Aceptei agradecido o convite que
se me expresou para concorrer nesta lista como número 3 pola provincia de
Pontevedra, por máis que eu non milito na actualidade en ningunha organización
política. Sen que hoxe sexa cousa por cuestión de calendario de expresar
propostas concretas, si que me anima a idea de xustificar a miña postura, que
apenas dubidei cando Yolanda Díaz me a prantexou.
No noso país o modelo de país e o modelo de sociedade van
xunguidos, moito máis que noutros do Estado español. Non vai ocorrer un cambio
transformador en Galiza por máis que veñan un pequeno feixe de investimentos
finalistas, senón porque haxa unhas políticas de bo goberno que sosteñan unha
acción que cree condicións de progreso. Esas condicións das que tanto nos afastou
o ananismo político do Partido Popular de Fraga Iribarne e de Núñez Feijóo na
súa viaxe cara a inanidade e desaparición definitiva de nós como pobo e como
persoas individuais.
Temos o inimigo na antipolítica que se vai facendo desde as
primeiras eleccións autonómicas en Galiza, con esas pequenas illas de esperanza
que foron os gobernos de González Laxe e de Pérez Touriño. Pero tamén nunha
España que o centralismo autoritario-conservador ven concebindo como de
suxeitos desiguais e de habitantes periféricos sen dereitos. É un paradoxo que
o marketing político destes días se centre na “España despoboada” cando o 29 de
abril a algúns non lles importará ren o que pase alén da contorna das grandes ciudades.
Galiza, por responsabilidade gravísima da dereita, vai camiño de liderar ese
ermo poboacional, cando quedan tan poucas meniñas entre nós que vaian ser nais
dentro de vinte anos.
Neste contexto, os grandes retos son a sanidade universal e
de calidade, a educación pública e absolutamente gratuíta, a elevación da renda
persoal e familar dos nosos individuos e das nosas familias, o traballo digno e
con dereitos, a xeración de capacidades e condicións para o investimento
produtivo en Galiza, a igualdade material –non exclusivamente formal- con
outras partes do Estado e, en xeral, a mellora dun benestar que produza unha
sociedade con azos de crecer. Coio que todo iso o representa a candidatura na
que me integro.
Doutras pode predicarse case o mesmo, sen dúbida. Pero hai un
elemento diferencial, decisivo, que é a vontade de sermos protagonistas da
acción de goberno. Fóra das persoas que asuman as concretas responsabilidades,
as iniciativas xenuínamente igualitarias non van ir da man dun goberno do PSOE
moi ben guiadiño pola súa alma liberal. Teñen que vir da agrupación política na
que nos inserimos e que vai tinguir a política das cores da igualdade material
e do progreso social.
Ten que ser ademáis a barreira decisiva para que non colla o
leme do poder esta dereita neo-franquista que propón o líder do PP e pola que
se decantou decisivamente o partido que, por desgraza, sostén noso “goberno”
autonómico. Ademáis, hai que lanzarlle a mensaxe de que os seus tempos en
Galiza xa van rematar e que xurdirá outra Xunta que, ista si, vai mellorar as
condicións de vida da nosa xente.